Lizz Wright
Cando: 15 Novembro, 21,30h
Onde: Círculo das Artes
O 11 de xullo do 2002, Lizz Wright, filla dun predicador e dunha cantante de góspel e nacida en Hahira (Georgia) no 1980, era unha cantante descoñecida máis na lista de artistas dun concerto homenaxe a Billie Holiday no Orchestra Hall de Chicago. Apenas 24 horas despois nacía unha estrela grazas ás súas interpretacións de “I Cover the Waterfront” e “Don’t Explain” que deixaron ó público con lágrimas nos ollos. Unha semana máis tarde, noutro homenaxe a Holiday no Hollywood Bowl de Los Ángeles, Wright volveu facerse dona do espectáculo. A verdadeira sorpresa da noite, segundo o veterano crítico do jazz de Los Ángeles Times, Don Heckman, foi Lizz Wright no seu debut californiano ofrecendo grandes probas do seu potencial como nova estrela do jazz.
Lizz Wright estaba chamada a ser unha das cantantes con máis personalidade e abarca un variado abanico de posibilidades interpretativas dentro dun concepto de jazz amplo. Tralo seu debut discográfico con Salt e ata o seu recente disco Fellowship, Lizz editou outros dous álbums: Dreaming Wide Awake (2005) e The Orchard (2008), nos que predominan folk jazz, góspel e jazz tradicional. Auténtica, coherente co seu proxecto a longo prazo e valente para mante-lo propio criterio musical, Lizz Wright volve sorprender co seu último disco no que o tradicional e mailo contemporáneo se mesturan sen desencontros.
A vocalista falaba así dos seus recordos, que son música: -“Cantei na igrexa desde que tiña seis anos. O meu irmán, a miña irmá e mais eu adoitabamos cantar como trío cando o meu pai predicaba. Con catorce anos aprendín soa a tocar o piano para axudar ó meu pai na igrexa tocando un chisquiño”.
- Lizz Wright: voz
- Robin Macatangay: guitarra
- Marvin Sewell: guitarra
- Nick D’Amato: baixo
- Jano Rix: batería
Entrada: 10€





