The Roy Haynes Fountain Of Youth

The Roy Haynes Fountain Of Youth

Cando: 16 Novembro, 20,30h
Onde: Círculo das Artes

A Roy Haynes a crítica considérao hoxe o batería vivo máis importante da escena jazz.

A finais dos anos 40 e principios dos 50, tivo a clase de aprendizaxe que constituiría o anhelo de calquera músico actual: sentar detrás da batería e acompañar ó gran Charlie Parker.

Este lexendario batería, comezou a súa andadura profesional nas big bands de Frankie Newton e Louis Russell (1945-1947); o seguinte paso foi tocar, de 1947 a 1949, co mestre do saxo tenor Lester Young. Entre 1949 e 1952, formou parte do quinteto de Charlie Parker e desde a súa privilexiada banqueta viu pasa-las grandes figuras do bebop e aprendeu delas. Acompañou á cantante Sarah Vaughan polos circuítos do jazz nos EE.UU. entre 1953 e 1958 e, cando estes finalizaron, colaborou con Thelonious Monk, Eric Dolphy, George Shearing, Lennie Tristano, Sonny Rollins, Stan Getz e Miles Davis entre outros; ademais, con frecuencia substituía a Elvin Jones no cuarteto do mítico John Coltrane. Posteriormente tocaría con músicos como Jackie McLean, Andrew Hill, Archie Shepp, Dizzy Gillespie, Art Pepper, Chick Corea, Gary Burton, Pat Metheny, Christian McBride, Kenny Barron ou Charlie Haden, a maiores de liderar proxectos propios, converténdose nun dos artistas máis prolíficos en gravacións da historia do jazz grazas ós seu máis de 60 años de traxectoria profesional.

Participou na dirección da B.S.O. da película Bird de Clint Eastwood no 1988.

A finais dos anos 90, Haynes formou o seu trío con Danilo Pérez e John Pattitucci e nos últimos anos dirixe o Fountain Of Youth Quartet, integrado por músicos 50 anos máis novos ca el: Jaleel Shaw, saxo alto, Martin Bejerano, piano e David Wong, contrabaixo. Con esta formación obtivo varias nominacións ós Grammy. No mesmo 2011, Roy Haynes recibiu un Grammy honorífico como recoñecemento a toda a súa carreira musical.

  • Roy Haynes: batería
  • Jaleel Shaw: saxo alto
  • Martin Bejerano: piano
  • David Wong: contrabaixo

http://www.myspace.com/royhaynes

http://es.wikipedia.org/wiki/Roy_Haynes

Entrada: 10€

Twitter Facebook Email