Dhafer Youssef Quartet

Dhafer Youssef Quartet

Cando: 18 Novembro, 20,30h
Onde: Círculo das Artes

Dhafer Youssef naceu en Tunisia no 1967 e comezou a cantar con cinco anos de idade o que correspondía á tradición islámica; foise deste xeito namorando do son das súas raíces, o emitido polo oud, laúde árabe, que empezou tocando de oído. A súa vida tiña un obxectivo, crear e interpretar música.

Nos anos 90 trasladouse a Viena desexando con vehemencia estudar música. Alí descobre outros estilos musicais; clásico, jazz e tradicionais variados. Nesta etapa tivo a oportunidade de tocar xunto a músicos do talle de Renuad García-Fons, Nguyên Lê, Markus Stockhausen, Wolfgang e Christian Muthspiel, grandes músicos e improvisadores. A súa inventiva nútrese así do legado de culturas musicais distintas á propia, resultando deste encontro Malak, o seu primeiro disco, froito de tódalas experiencias adquiridas.

Tras varios discos con moi boa acollida e numerosas colaboracións no mundo jazzístico, faise máis estreita a súa relación con músicos noruegueses da escena do nu jazz electrónico como Bugge Wesseltoft, Arve Henriksen, Audun Erlien e o fantástico Eivind Aarset. Con eles desenvolve e depura o seu estilo musical, levándoo ó máis sublime, obtendo creatividade para levitar; misticismo puro con suaves arranxos e ambientes electrónicos que transforman en maxia o LP Divine Shadows.

A xira de presentación do seu último álbum, Abu Nawas Rhapsody, levouno por cidades coma Moscova, Nova York, Londres ou París á fronte dun cuarteto cun carácter moito máis acústico e cun maior equilibrio entre a compoñente jazzística e a música tradicional sufí.

Dhafer Youssef, en calidade de compositor e intérprete, revélase un dos artistas máis interesantes da música contemporánea, creando un son único. Dá vida á ilusión de todo músico, á éxtase, á luxuria espiritual, á beleza de facer música do pasado, do presente e do futuro.

  • Dhafer Youssef: oud e voz
  • Kristjan Randalu: piano
  • Chris Jennings: contrabaixo
  • Stéphane Galland: batería

http://www.dhaferyoussef.com/

Entrada: 10€

Twitter Facebook Email