cartel XXXIII Festival de Jazz de Lugo, do 3 ó 19 de novembro do 2023

MIKE STERN BAND

featuring Dennis Chambers, Leni Stern, Bob Franceschini & Lincoln Goines
Xoves 9 de Novembro
20:30 H
Círculo das Artes - Escenario 190615.00 €

Nacido o 10 de xaneiro do 1953, Mike Stern creceu en Washington DC e asistiu ao Berklee College of Music de Boston. Cando tiña vinte e dous anos, fíxose membro de Blood, Sweat & Tears e pasou tres coa banda. Despois traballou co batería Billy Cobham e, máis adiante, con Miles Davis de 1981 a 1983, e, de novo, no 1985. A partir desa altura, iniciou carreira en solitario e editou máis dunha ducia de álbums. Stern foi nomeado mellor guitarrista de jazz do1993 pola revista Guitar Player. No Festival Internacional de Jazz de Montreal, en xuño do 2007, recibiu o Premio Miles Davis, creado como recoñecemento a artistas de jazz de sona internacional cuxo labor contribuíse dun xeito manifesto á renovación do xénero. Stern figura na lista Down Beat dos setenta e cinco mellores guitarristas jazz de tódolos tempos. Recibiu o Premio Certified Legend da revista Guitar Player o 21 de xaneiro do 2012.

Dennis Chambers (1959) comezou a toca-la batería aos catro anos de idade, é un dos baterías máis prezados do panorama internacional, que domina practicamente tódolos xéneros. No 1986 uniuse á banda de John Scofield e desde entón tocou coa maioría das principais figuras da música jazz fusión do mundo. Gravou e actuou con George Duke, Victor Wooten, Brecker Brothers, Santana, Parliament-Funkadelic, John McLaughlin, Niacin, Mike Stern, CAB, Greg Howe e moitos outros. Con Carlos Santana fixo numerosas xiras por todo o planeta. En decembro do 2004, Chambers foi premiado cun Doutorado Honoris Causa do Berklee College of Music.

O saxofonista Bob Franceschini traballou entre outros, con George Benson, Eddie Palmieri, Woody Shaw, Chaka Khan, Paul Simon, etc. Nos últimos anos colabora regularmente con Mike Stern e Yellowjackets.

Leni Stern foi nomeada no 2017 pola revista Guitar Player unha das guitarristas máis sensacionais de tódolos tempos. De orixe alemá, estudou con Bill Frisell e ama a música africana. Desde 1980 está casada con Mike Stern e a súa longa relación é unha inspiración continua para ambos.

Lincoln Goines, baixista nacido no 53 en Oakland (California), tocou como sideman con artistas como Sonny Rollings, Paquito D'Rivera, Michel Camilo e Mike Stern entre outros. Durante décadas formou parte da latin band de Dave Valentine. Ademais é docente, imparte clases no Berklee College of Music.

  • Mike Stern: guitarra eléctrica
  • Leni Stern: guitarra eléctrica, n'goni, voz
  • Bob Franceschini: saxos
  • Lincoln Goines: baixo eléctrico
  • Dennis Chambers: batería

Organiza: Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz. Emenda e traduce: Shuǐ Lóng. Desenvolvemento web: GSL