cartel XXXIV Festival de Jazz de Lugo, do 1 ó 17 de novembro do 2024

Kenny Barron Trio

Entradas únicamente en Notikumi.com
Mércores 11 de Novembro
20:30 H
Auditorio Fuxan os VentosEntradas en www.notikumi.com * (Concerto NON incluido no ABONO do Festival)

Aquí ENTRADAS: NOTIKUMI

  • Kenny Barron: piano
  • Russell Hall: contrabaixo
  • Jonathan Barber: batería

Kenny Barron, pianista fundamental na historia do jazz, o mellor en activo segundo unha opinión estendida, naceu en Filadelfia no 1943. Digno de admiración polo exquisito gusto co que selecciona o repertorio e pola elegancia na súa execución, de estilo exquisito, articulado e imaxinativo, Barron é un dos pianistas de jazz máis completos tecnicamente, aínda que non precisa recorrer ao virtuosismo para convence-lo espectador; a súa gran sensibilidade abonda. É outrosí principal gardián da tradición do piano bebop, seguindo os pasos de personaxes jazz históricas como Hank Jones e Tommy Flanagan, o cal non impide que se aventure en inexplorados eidos creativos coa mesma frescura que lucía ao principio da súa dilatada traxectoria profesional.

No 1963 Barron uniuse á banda de Dizzy Gillespie e, desde aquela, traballou con infinidade de músicos, entre os cales, ademais do mencionado Gillespie, podemos resaltar a Stan Getz, Yusef Lateef, Freddie Hubbard, Jimmy Owens, Stanley Turrentine, Milt Jackson, Jimmy Heath, Buddy Rich, Ron Carter, Charlie Haden, Buster Williams, Ben Riley, Charlie Rouse, Dave Holland e Roy Hargrove. Durante os anos noventa, xa se consideraba expoñente principal do piano jazz universal. Á fronte dun trío que engadía a Ray Drummond no contrabaixo e a Ben Riley na batería, actuou en festivais de jazz, concertos e clubs de todo o Planeta. Nas dúas últimas décadas, continuou liderando o seu actual trío, xirou co espectáculo An Evening With Two Pianos (canda Mulgrew Miller, Dado Moroni, Benny Green e/ou Eric Reed) e colaborou co contrabaixista Dave Holland.

Barron excede os corenta discos gravados a título de líder que o fixeron merecedor de catorce nomeamentos para os Grammy, comezando por People Time, un excepcional dúo con Stan Getz, no 1992. O recoñecemento máis recente chegoulle na 67.ª edición dos Premios Grammy (2025) para os cales, por novena vez, foi nomeado, nesta oportunidade para a categoría mellor álbum de jazz instrumental polo seu traballo en Beyond This Place. Igualmente foi obxecto doutros honores como ser designado Jazz Master pola National Endowment For The Arts (a maior distinción para o jazz nos EUA).

Apareceu en diversos filmes, como Do the Right Thing e School Daze de Spyke Lee, e achegou a súa sabedoría ao piano en centos de sesións de gravación cunha ampla variedade de artistas. A maioría dos «novos leóns» do piano, como Danilo Pérez, Benny Green, Cyrus Chestnut e Eric Reed citan a Barron en calidade de influencia predominante.

Los Angeles Times nomeouno «un dos mellores pianistas do mundo» e Jazz Weekly descríbeo como «o pianista máis lírico do noso tempo». Barron vence sistematicamente as enquisas de críticos e lectores no campo do jazz, ata as realizadas por Downbeat, Jazz Times e Jazziz. No 2013 a súa alma mater, a Empire State University (SUNY Empire) of New York outórgalle un doutoramento honoris causa e no 2011 fai o propio o Berklee College of Music. No 2009 recibiu o premio Living Legacy da Mid Atlantic Arts Foundation e foi incluído no American Jazz Hall of Fame. No 2005 concédenlle o premio MAC Lifetime Achievement á súa carreira musical. Foi nomeado Mellor Pianista en seis ocasións pola American Jazz Journalists Association.

Organiza: Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz. Emenda e traduce: Shuǐ Lóng. Desenvolvemento web: GSL