cartel XXXIV Festival de Jazz de Lugo, do 1 ó 17 de novembro do 2024

Takuya Kuroda Quintet

Sábado 7 de Novembro
20:30 H
Círculo das Artes20.00 €
  • Takuya Kuroda: trompeta
  • Craig Hill: saxo
  • Takahiro Izumikawa: teclados
  • David Frazier: batería
  • Reuben Cainer: baixo

Considerado un dos trompetistas máis talentosos do mundo, Takuya Kuroda está á vangarda dunha forma de jazz que transcende os límites dos xéneros. Fusión de estilos e elegancia acompañan este innovador músico, nado en Kobe (Xapón) e radicado en Brooklyn, que bebe do jazz, obvio, pero cuxo son distinguido e sedoso sempre se caracterizou por recoller soul, funk, afrobeat e algúns outros froitos para a cesta dunha única linguaxe musical.

Fichado polo influente selo Blue Note Records, desenvolveu unha mestura única de jazz cheo de sentimento, funk, post-bop e hip hop. Regresa, trala sona do eloxiado Midnight Crisp (2022), cun álbum que indaga máis na fusión do jazz moderno co hip hop e o neo soul para lograr un equilibrio perfecto entre a produción técnica e a interpretación orgánica. Everyday é manifesto da ética de traballo de Kuroda, el mantén, despois de case tres décadas de carreira e un historial que inclúe colaboracións con José James e a Badder Band de DJ Premier, que a excelencia só se acada mediante a práctica diaria. Everyday, oitavo álbum do artista, resulta dun meticuloso proceso de refinamento de sons e ritmos no seu estudio doméstico: é protagonizado polo groove, cementado pola enerxía de David Frazier na batería e finalmente enriquecido polo lirismo característico da trompeta de Kuroda. Ao longo das súas composicións, o disco percorre paisaxes sonoras pegadizas e sofisticadas. Desde o neo soul clásico de «Bad Bye», coa voz de FiJa, ata o soño contemporáneo de «Iron Giraffe», o álbum demostra a capacidade de Kuroda para asimilar diversas influencias e transformalas en algo de seu. Esta obra é reflexo dun creador que irradia ledicia na súa constante procura de expresarse con maior claridade, con ela Takuya Kuroda demostra que a verdadeira maxia do jazz emana da dedicación diaria e dunha paixón inesgotable pola música.

Organiza: Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz. Emenda e traduce: Shuǐ Lóng. Desenvolvemento web: GSL